29 de abril – Ferrol – Charla/Coloquio: «ADOPCIÓN, RAZA, ETNICIDADE E ORÍXES: ENREDOS BIOCULTURAIS» con Beatriz San Román

Prezadas persoas socias,

Temos o pracer de presentarvos a segunda actividade de sábado do «xornada do programa de preparación, apoio e acompañamento ás familias adoptivas» que terá lugar no Centro Cívico de Canido en Ferrol o vIndeiro sábado 29 de abril co título:

Adopción, raza, etnicidade e oríxes: enredos bioculturais

A cargo de BEATRIZ SAN ROMÁN
Doutora en Psicoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona e profesora da mesma universidade. É autora dos libros «Adopción y escuela» e «La aventura de convertirse en familia». É membro do Grupo de Investigación AFIN desde a súa fundación. Actualmente, é coordinadora dos servizos de atención familiar e formación de profesionais do Centro AFIN.

CHARLA/COLOQUIO
– 11:30 a 14:00 Salón de actos
Actualmente pensamos as identidades, máis que como algo que se posúe ou que vén dado, como narrativas persoais que nos dan sentido. Para as persoas adoptadas internacionalmente (como para moitas outras cuxas vidas están marcadas polo movemento e a globalización), a súa construción resulta moitas veces complexa, pois resúltalles difícil encaixar nos vellos esquemas que ligan a identidade ao territorio. Ata que punto os discursos ao uso sobre a adopción limitan as súas posibilidades? É posible resistirse a eles e atopar outras narrativas que dean sentido e coherencia ás súas traxectorias vitais?

XANTAR/PICNIC
– 14:30 a 16:30 Centro Cívico de Canido
Ao remate da charla, como vén sendo habitual en MANAIA, faremos un Xantar/Picnic onde compartiremos os alimentos que cada quen teña a ben levar (tendes que traer todo: o xantar, a bebida, o menaxe e, se vos apetece, o café).

OBRADOIRO Inquedanzas, medos e extratexias na adopción
– 16:30 a 19:30 Salón de actos
Contando coa dirección de Beatriz San Román plantexamos un obradoiro para nais e pais onde tentar darlle respostas ás diferentes cuestións que as familias nos plantexamos sobre a adopción.

LUDOTECA
De 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 contaremos con servizo de ludoteca de balde, pregámosvos que enviedes un correo a manaia@manaia.es confirmando a asistencia das vosas fillas/os, poñendo os seus nomes e idades. Para os menores de tres anos é obrigatorio enviar un correo confirmando asistencia, coa fin de contar con persoal axeitado.

Actividades de balde abertas a todas as familias adoptivas ou en espera de adopción, sexan ou non socias de MANAIA.

ESPERÁMOSVOS!!!!

Un saúdo
A Xunta Directiva