Puedes leer este artículo en castellano aquí
Despois de examinar e analizar a información recibida, desde MANAIA queremos expresar o seguinte:
- Entendemos a difícil situación na que se atopan as familias afectadas, obrigadas a elixir entre o peche dos seus expedientes e o «rescate» dunha OAAI (antes ECAI) na que xa non confían, e por iso pensamos que para tomar este tipo de decisión teñen que contar con información real sobre o destino do diñeiro que achegaron no seu día e o que se lles solicita que acheguen agora, e coa máxima información por parte de ADDIS Galicia sobre a situación dos seus expedientes.
- Queremos sinalar que o suposto compromiso por parte de ADDIS Galicia é facer asignacións pero en ningún momento poden ofrecer ningún tipo de garantía da resolución dos 20 expedientes, 10 en Etiopía e 10 en Burundi, que se comprometen a tramitar nin, moito menos, garantir a súa supervivencia como entidade tramitadora.
- Nestes momentos a situación política en Etiopía e Burundi é moi inestable, e todos sabemos que hai familias asignadas hai máis dun ano que aínda non viaxaron, polo que pensamos que non existen as condicións necesarias para continuar cos trámites necesarios para unha adopción coas necesarias garantías. Coñecemos o duro que resulta pechar un expediente de adopción, e con el un proxecto de vida, pero tamén sabemos que é moito maior a dor de ter que renunciar a un expediente con nome e foto.
- Por outro lado, a solicitude dun donativo directo ao orfanato non está dentro do que desde MANAIA entendemos como adopcións éticas. Ademais, neste caso temos indicios para pensar que pode non ser nin sequera legal, xa que parece que os donativos que se solicitan ás familias non están controlados polas autoridades que en Etiopía teñen competencia sobre a materia porque este diñeiro tampouco se reflicte na información ofrecida pola Xunta de Galicia.
O ISS, Servizo Social Internacional, no seu “Manifesto por unha ética da adopción internacional” (2015, páx. 39) sinala a este respecto:
Pídese a miúdo, incluso esíxese, ás futuras familias adoptivas, facer unha doazón ao centro que acolle ou acolleu a súa filla ou fillo. Algunhas futuras familias adoptivas propoñen elas mesmas unha doazón, motivadas xeralmente polo sentimento de axudar así aos nenos “deixados atrás”. Que estas doazóns sexan requiridas e/ou efectuadas antes, durante ou despois dos procesos de asignación e de adopción, presenta grandes preocupacións no sentido de que poden incitar aos centros de acollemento a poñer o meirande número posible de nenas e nenos “a disposición” das futuras familias adoptivas. Para previr e loitar contra estes abusos, estas doazóns deberían estar prohibidas antes da adopción, como o preconiza a Conferencia da Haia. As doazóns concedidas unha vez terminada a adopción deberían, pola súa parte, ser transparentes e estar sometidas a control. A Conferencia da Haia suxire sobre este punto a instauración dalgunhas garantías polos estados:
- “As doazóns non deben ser en efectivo, senón a través de transferencia bancaria e depósitos directos nunha conta bancaria;
- as autoridades centrais do estado de orixe e do estado de recepción deben ser notificadas cando fose realizada unha doazón;
- os organismos que reciben as doazóns deben ter mecanismos contables adecuados e debe facerse un exame coidadoso das contas como parte da supervisión dos organismos acreditados en aplicación do artigo 11” (GBP1, 246)
Tamén a Conferencia da Haia na publicación “Acreditación e organismos acreditados para a adopción. Principios xerais e guía de boas prácticas No 2” (2013), sinala que:
- “é necesario distinguir estes pagos dos custos da adopción” (que en España deben ser expresamente aprobados pola autoridade que acredita as OAAI).
- “as contribucións esixidas polo organismo acreditado aos futuros pais adoptivos (…) poden ser para determinadas institucións (por ex., para os custos de cuidado do neno), ou para proxectos de cooperación do organismo acreditado no Estado de orixe. (…) O pago non constitúe necesariamente unha obriga legal, e os organismos acreditados poden presentar a petición en termos de ‘contribución encarecidamente recomendada’, pero na práctica é ‘obrigatoria’ para os futuros pais adoptivos na medida que a súa solicitude non será tratada se non se fai o pago”. (páx. 92-93)
- A guía desalenta estes “pagos directos ás institucións debido aos posibles dilemas éticos vinculados con estes” (p. 93)
- “Durante o procedemento de adopción non se deberían solicitar doazóns nin aos organismos acreditados, nin aos futuros pais adoptivos. Deste modo, evítase que as doazóns inflúan na asignación dos nenos. Desafortunadamente, ás veces, estas “doazóns” son esixidas nunha etapa avanzada do procedemento de adopción por unha persoa na institución ou por un funcionario, e os doantes poden sentir que deben pagar para que a súa adopción avance. Esta práctica é moi pouco ética e debería ser ilícita”. (páx. 94)
E tamén indica que:
5.6 Axuda ao desenvolvemento, proxectos de cooperación, contribucións e doazóns.
- Toda axuda ao desenvolvemento, os proxectos de cooperación, as contribucións e doazóns deben manterse separados das actividades en materia de adopción.
- Toda axuda ao desenvolvemento, os proxectos de cooperación, as contribucións e doazóns deberían proporcionarse co único fin de asistir a un Estado de orixe na mellora do seu sistema de protección da infancia, e non deberían depender do número de adopcións internacionais, ou ter o propósito de influír en decisións vinculadas con adopcións específicas ou no número de adopcións.
- Os organismos acreditados deberían aconsellar aos futuros pais adoptivos que non fagan doazóns de diñeiro directamente ás institucións ou aos individuos relacionados co seu procedemento de adopción en curso. As doazóns de material, como material médico, xoguetes, capacitación e materiais educativos, poden permitirse. (Anexo 1-6 )
É por todo isto que non nos queda outra opción que recomendar ás familias non continuar adiante cos seus expedientes, xa que as garantías coas que contan non son suficientes e cremos sinceramente que decidir continuar sería como botar unha moeda ao aire e esperar que caia de canto.
No caso de seguir adiante co proceso, recomendamos ás familias:
- que esixan a ADDIS Galicia información real e veraz sobre todas as accións que se van realizar e, como non, a máxima transparencia en todo o proceso.
- que esixan á Xunta de Galicia que revise e controle cada unha das cantidades que se inclúen na nova resolución e que audite todos e cada un dos movementos da OAAI. Nós non podemos valorar se as cantidades solicitadas para o mantemento da OAAI durante un ano son apropiadas, xa que carecemos da información precisa para facer tal valoración, aínda que entendemos que os custos facilitados pola administración galega son os correctos, xa que aumentar eses gastos sen que realmente sexan necesarios no beneficiaría en nada a esta última.
- que non realicen ningunha acción que despois non sexan capaces de contarlle e explicarlle á súa futura filla ou fillo.
Por último queremos manifestar ás familias afectadas que, tomen a decisión que tomen, sempre poderán contar co apoio desta asociación.
Un saúdo
A Xunta Directiva
Documentos: